Conversas no tren

20190505_210201(0)

Hai poucos lugares no mundo que ofrezan menos intimitade cós asentos de catro no tren. Só unha feble mesa despregable sepárate da ollada do veciño. Fronte a fronte, como canta Enrique Bunbury. Lembro como me amolaba, nos anos universitarios, que fosen as únicas prazas baleiras. Era como intentar acomodarse diante desa parella coa que xa non queda nada. Convertermos en descoñecidos é volver sentir o peso do silencio.

Novos trescentos euros. A inspiración sae ben cara. Os anos na Universidade xa quedan lonxe e, agora, coa compra do boleto, asígnanche o teu correspondente asento. É unha marabilla. Aprendín a transformar a incomodidade en utilidade e paso cada día polo portelo da estación para pedir que me adxudiquen unha das prazas das que antes fuxía. O traxecto é o mesmo pero leva bastante menos tempo. Pérdome de Pontevedra a Santiago e viceversa en conversacións alleas. Todos os días, co adaxo de abesourar á xente. O meu mozo comeza a matinar que estou tola.

É luns 3 de decembro do 2018 e toca mercar o bono co que viaxar libremente durante o mes. Aínda manteño o bo costume de descansar as fins de semana. Onte botei o día nunha andaina e deiteime cedo para madrugar. O tren da primeira hora da mañá sempre ven farturento de contos. Mentres fago a fileira, comezo a observar facianas que xa me resultan familiares e que van collendo sorriso así que se achega o venres. Xa o dixo unha viaxeira coñecida: “se estás feliz un luns es un cretino”. E, quen non o é en realidade, disimúlao. Foi o primeiro que aprendín observando. Tamara, unha rapariga duns 25 anos que se estreou no seu segundo traballo hai un par de meses, ía feliz ata que se topou con Felisa, a súa superior, da que axiña aprendeu que os luns toca rosmar.

  Vaia madrugón o de hoxe, faise insoportable

Mesma hora, mesma queixa de sempre. Procurei outro asento de catro. Non había moito máis que rañar.

Pedín que me sentasen no vagón tres. Como resposta recibín o mesmo sorriso amable de sempre. Un aceno da boca que parece que vai dar nunha pregunta e que remata cando o mozo que se agocha tralo mostrador amosa os dentes. Adiviño nel a mesma curiosidade que teño eu polos meus compañeiros de viaxe. Hoxe, ó meu carón, teño unha señora maior, que vai entretida lendo o xornal, e de fronte, dous mozos que falan de brincadeiras. Fago coma quen que me coloco os cascos, sen música, e pouso a miña atención sobre a muller. Dá gusto atoparse con xente que aínda goza co pasar das páxinas da vida. Non preciso que fale, os seús acenos fano por ela. Abro un word e comezo a premer as teclas. Quero ser escritora.

A primeira vez que o meu mozo, Carlos, me preguntou por que gastaba o que non gañaba en viaxes no tren, no souben moi ben que responder. Quería crear personaxes reais, de carne e óso, pero cada vez que me entrevistaba con alguén para extraer patróns de conduta todo era fachada. As gravadoras espantan ás debilidades coma os beizos pintados os bicos. Palabra de muller maquillada. Foi así como comezaron os meus paseos sobre raís, pero non sería ata volver coincidir cos dous mozos do vagón tres cando descubriría que as conversas privadas tampouco gardan toda a verdade.

A semana transcorreu tranquila, tomei algún que outro apuntamento e enchín un par de páxinas con palabras que non me daban acaído ben. Un matrimonio a rifar polo escarmento que poñer ó fillo que baleirara no retrete o bote cheo de crema de verduras que se atopaba na neveira e o debate acendido de tres cincuentóns sobre Platón e a xustiza como virtude que ampara a todas as demais abondáronme para confirmar que no tren se rebate coa mesma euforia que no bar.

Nova fin de semana, novo luns. Tamara e Felisa quéixanse na plataforma. Impera o silencio e escóitoas ó fondo.

  Vaia madrugón o de hoxe, case non chego

O tren detense. Xa teño calculada a altura á que coincide o vagón tres e son a primeira en entrar. Sento e vexo coma os dous mozos da semana pasada quedan dúas filas por detrás. Son coma o Zipi e o Zape. Era Zipi o loiro? A súa conversa engádame máis cá dos meus compañeiros de asento. Están a organizar a cea do amigo invisible e lembrar vitorias pasadas. Só me queda unha cousa clara: de transceder quen regala que ese grupo disolveríase de seguro. Teño que conter a risa. Teño ansia por escribir sobres eles e ese humor tan incorrecto que corre o risco de desaparecer. Están lonxe, quito os cascos.

  Se non me contas a quen lle agasallas é que son eu

Xa estás pensando en facer trampas e maquinar algo xuntos

Non me tocou quen desexaba

Trampulleiro, como sabes que a min si?

 

Fin do primeiro capítulo…