Máis dun século a marcar o paso

Pisa, pisa forte, con seguridade. Escolle ben o camiño. Trabúcate. Dá a volta e volve coller o paso. Firme, novamente, como se non existise outro xeito de camiñar. Pegada a pegada ata onde queiras chegar.

Disto de pisar forte saben moito Elena Ferro e a súa familia. Pisa ela, pero tamén axuda a pisar aos demais. Faino dende e coma sempre: empregando a mellor madeira para que os pasos de hoxe sexan tamén os de mañá. Un calzado de onte, que xa é de agora, e que promete persistir no tempo, para que un poida reiventarse tantas veces coma o desexe e volver retomar a andaina. Cos zocos pasa o mesmo que coa vida. Nunca debería ser tarde.

Reinventar non é unha verba elixida ó azar. Recolle ás mil marabillas a historia da zoqueira de Merza (Vila de Cruces) e dun negocio que xa sobrepasa o século de vida. Ás duras e ás maduras. “É un soño. Pensei que non tería futuro, houbo un momento no que non tiñamos nin quen traballase a madeira”, sinala o pai de Elena, Alfonso Ferro. El e a súa irmá, Agripina, son a segunda xeración de zoqueiros. Os cimentos datan do 1915, cando Perfecto Ferro comezou a moldear o coiro para protexer os pés dos veciños cun calzado quente e que illase da agua. A vida levouno a Cuba, para voltar a súa terra oito anos despois.

Elena naceu sesenta anos máis tarde, no 1975, cando as catiúscas xa gañaran moitos adeptos nisto de protexer os pés. Tiveron que ampliar o número de feiras ás que asistiren para amosar os seus zocos, e a alma do que é Eferro na actualidade comezou a marcarse os seus propios retos: foi así como se adentraron na marroquinaría, que chegou a supoñer o 80 % das ventas. “A xente non quería saber nin de zocos nin de pan de broa”. Elena lembra que se ligaban directamente coa pobreza. As porcentaxes viraron  hai uns anos, pero, antes, houbo moito traballo que facer.

Zocos nunha xaula EferroA zoqueira e a súa familia fixaron un novo rumbo entre os anos 1995 e 1996. Foron tempos de cambios, de variar a estética dos zocos, pero non de chegar ás metas. Perseveraron. Os pasos foron firmes e na dirección axeitada, e o boca a boca fixo o resto. Son dous os factores dos que fala Elena para explicar como, no ano 2010, mudou o xeito  de mirar os zocos: fixéronse co Premio de Artesanía Contemporánea Antón Fraguas cos zocos vuela mariquita vuela e apostaron polas peles con pelo de cores para fusionar tradición e modernidade. Hoxe, fan uns nove mil pares ó ano, e a metade son personalizados.

A traxectoria de Elena pode resumirse voltando ao verbo chave, reinventarse, e engandíndolle un substantivo, creatividade. Agarrouse ao seu enxeño para dignificar un produto e un oficio que non deixan de evolucionaren con ela. Dos zocos tradicionais, con madeira de bidueiro, pasaron ós modernos, feitos con amieiro e cunha estética máis redondeada. Despois de moito traballar co coiro chegaron os flexibles, que se uniron ás bailarinas e a unha ampla variedade de sandalias. As últimas novidades? Os flecos de quita e pon e os calcetíns repletos de zocos debuxados.

Cando o paso é firme e o enxeño agudo, ata o punto de converter as redes sociais nun excelente xogo de inventiva, unha pode trazar o seu propio camiño. Unha senda na que non importan as curvas e que medra co paso dado. E, para a maleza, xa se sabe, non hai nada mellor que ir ben calzado.